|
Querid@ amig@,
Adiantamos os principais contidos de Tempo
Exterior, a revista semestral de análise e estudos internacionais que
edita o IGADI.
Tamén achegamos un boletín de
subscrición (no ficheiro pdf adxunto), por se é de interese formalizar
a sinatura. Todas as
recibidas antes de fin de ano terán agasallo seguro.
Apertas cordiais,
Xulio Ríos, director.

Carta
aos lectores
Galicia
conta coa súa primeira delegación oficial no exterior. En Bos
Aires iniciase unha nova etapa da nosa paradiplomacia co reto de non
deixala
subsumir no asistencialismo migratorio, nun tempo en que se impoñen
visións
ambiciosas que sen mingua do recoñecemento e integración do valor da
diáspora,
saiban afrontar os desafíos e oportunidades que presenta a
mundialización. Por
iso, a concreción das liñas mestras que deben guiar a nosa acción
exterior nos
próximos anos (Fernando González Laxe), cómpre completalas
coa integración doutras
dimensións parciais (Craig Patterson e Ângelo Gonçalves Vicente) que
deben ser
atraídas para establecer complicidades que nos permitan optimizar os
nosos
recursos e potencialidades. Nesa liña, as propostas documentais
xenéricas
deberían ir acompañadas da activación de diálogos e intercambios de
opinión e
de experiencias con todos aqueles actores que contribúen a difundir
unha imaxe
de Galicia no mundo e cos que cómpre atopar espazos de compromiso en
aspectos
básicos. A experiencia de Euzkadi (Mikel Burzako), a máis avanzada no
Estado,
sen que debamos imitar nada, pode ser de gran valor para o noso
recorrido.
O
segundo eixo temático deste número afonda nas delicadas relacións
exteriores de Rusia, tanto con EUA (Mariano Aguirre),
como coa Unión Europea (Francisco
Herranz), a Polonia (Mercedes Herrero) que simboliza moitas das
tensións que
rodean o actual desentendemento cos antigos aliados do bloque
centroeuropeo, e,
finalmente, cos chamados estados eslavos posoviéticos (Alexis Romanov),
inmersos nos últimos tempos en convulsións de diverso e
contrario signo. O resultado das eleccións
lexislativas do 2 de decembro non deixan lugar a dúbidas sobre o
continuísmo da
política do Kremlin que, neste eido concreto, tentará recuperar
posicións de
influencia nunha pugna estratéxica cos intereses occidentais,
aventurando un
horizonte de inestabilidade nos variados confíns do estranxeiro
“próximo” de
Moscova.
Nun
terceiro bloque abordamos dúas reflexións sobre o fenómeno
terrorista e al-Qaida, tanto dende unha perspectiva xeral (Pedro
Brieger), como
tamén centrada nas singularidades presentes no norte de África (David
Alvarado). Unha reflexión sobre Xapón (Salvador Rodríguez
Artacho) ilústranos sobre as dificultades do tempo político nipón na
era
pos-Koizumi que achega aínda numerosas incertezas e deixa en entredito
a
capacidade para propiciar as reformas de fondo que Shinzo Abe pretendía
para
facer de Xapón un país “normal”. Por último, a valoración do XVII
Congreso do Partido
Comunista de China, adiántanos os principais desafíos que figuran na
axenda
política do coloso oriental para o próximo lustro, facendo fincapé no
dobre
desafío identificado polos dirixentes daquel país: a construción dun
novo
modelo de desenvolvemento que teña en conta o respecto ao ambiente e a
xustiza
social, e a apertura de espazos de maior democracia que contribúan a
reforzar
–e non a alterar– o actual sistema político. Unha ecuación complexa.
O
director.
---
|